Esta fin de semana tivo lugar, na localidade granadina de Guadix, o VIII Trofeo Nazaríes “Ciudad de Guadix”, que consistiu nunha proba da Liga española de orientación en distancia media e no Campionato de España de Orientación de probas urbanas, coas modalidades de Sprint e Relevos mixtos.

O sábado pola mañá disputouse nas Cárcavas de Benalúa a proba de distancia media da Liga Española,na que Pedro Parga Andón obtivo o primeiro posto na categoría M65 e Fermina Fernández Riveiro un terceiro posto na categoría F65.

A proba de Sprint correspondente ao Campionato de España celebrouse o sábado pola tarde na localidade de Guadix na que Sara Nogueras Porto proclamouse subcampioa de España en F16. Cabe destacar tamén o cuarto posto obtido por Fermina Fernández Riveiro en F65.

O domingo día 20 tivo lugar o Campionato de España de Relevos Mixtos, no que os equipos estaban formados por deportistas dunha mesma comunidade autónoma. Galicia enviou un total de 35 corredores, obtendo o primeiro lugar na modalidade Veterano B e destacando o resultado obtido polo equipo de Sara Nogueras Porto, cun cuarto posto.

*Excelentes resultados de corredores do Club Fluvial de Lugo nos Campionatos Galegos Xunta de Galicia de orientación a pé nas modalidades de distancia media e sprint e no Campeonato de Europa de Orientación na modalidade de Bicicleta de Montaña (MTBO).*

Esta fin de semana 13 corredores do Club Fluvial participaron nos campeonatos galegos de orientación de distancia media e sprint organizados, no concello coruñés de Ribeira, pola Asociación Deportiva Arnela e pola Sección de Orientación da Universidade de Santiago de Compostela.
O sábado pola mañá celebrouse o Campionato Galego de Distancia Media, no monte de San Alberto, nas proximidades da localidade de Ribeira. Os corredores enfrontáronse a unha carreira rápida, con distancias en liña recta de entre 3 e 5 km, e un terreo na súa maior parte con matogueira baixa e áreas de eucalipto e piñeiro. Destacan os resultados de Rodrigo Fouz Sánchez que acadou o 3º posto na categoría M-14, e Fermina Fernández Riveiro e Javier Liz Díaz que se coroaron campións galegos nas categorías F-55 e M-35 respectivamente.

Pola tarde, xa na localidade de Corrubedo, tivo lugar o Campionato Galego de Distancia Sprint. Os corredores desfrutaron correndo polas rúas da vila, ante a curiosa mirada de lugareños e turistas. Cinco corredores do Club Fluvial subiron ao podium: Rodrigo Fouz Sánchez (3º posto na categoría M-14), María José Pérez González (3º posto na categoría F-35), Javier Liz Díaz (2º posto na categoría M-35), Iago Viana González (3º posto na categoría M-40) e Fermina Fernández Riveiro (2º posto na categoría F-55).

Nese día tamén se fixo entrega de trofeos da Liga Transfronteiriza Galicia – Norte de Portugal do ano 2023, na que Rodrigo Fouz Sánchez e Javier Liz Díaz acadaron o 2º posto nas categorías M-14 e M-35 e Fermina Fernández Riveiro subiu ao máis alto do podium na categoría F-55.
A corredora Sara Nogueras Porto, subcampioa española de orientación, non puido acudir a estes campionatos por estar participando coa Selección Española no Campeonato de Europa de Orientación, na modalidade de Bicicleta de Montaña (MTBO) categoría Woman-17, que se organizou esta fin de semana en Ostrógada, Polonia.